
Para comezar, contádenos un pouco sobre as orixes de Millapets. Como naceu o proxecto e que vos inspirou a dedicarvos á peluquería canina, á tenda especializada en mascotas e ao coidado integral dos peludos amigos?
A idea xurdiu despois de varios anos traballando para outras empresas. Sabiamos que este sector estaba en auxe polo crecente interese nos coidados das nosas mascotas: alimentación, complementos e, sobre todo, estética canina e felina. Ademais, gústanos moito o noso traballo cos animais, polo que decidimos dar o paso e crear o noso propio proxecto.
Que valores definen a Millapets e como os levades á práctica no voso día a día?
O noso principal valor é o benestar dos animais. Apostamos por unha estética respectuosa e por unha alimentación natural, sa e equilibrada. Sempre buscamos o mellor para eles, tanto no que toca á súa saúde como ao seu coidado integral.
En Ames e arredores convertístesvos nunha referencia. Que credes que vos axudou a conectar tan ben coa xente da zona?
Cremos que é polo noso traballo, o mimo que lle damos tanto aos clientes como ás súas mascotas e o asesoramento personalizado que ofrecemos sempre que teñen unha dúbida. Esa confianza construíuse pouco a pouco.
No voso sector, o coidado integral é clave. Que é o que máis gozades do voso traballo?
O mellor momento é cando rematamos un servizo e vemos o resultado, pero sobre todo cando o cliente recolle á súa mascota feliz e satisfeita. Esa reacción compensa todo.

Como patrocinadores do equipo de Waterpolo, compartimos valores como esforzo, traballo en equipo e superación. Que vos motivou a colaborar connosco?
A colaboración naceu porque teño aos meus sobriños no club, un deles Leo, o meu afillado. Puiden ver de preto que é un club moi familiar. Notei un cambio moi positivo nos nenos grazas ao traballo que realizades. Paréceme que estades a facer unha labor excelente.
Vedes algunha relación entre o espírito do deporte e o da vosa labor en Millapets?
Por suposto. O traballo, a constancia e o esforzo son claves tanto no deporte como no noso día a día. Tamén o traballo en equipo, que é algo que se lles transmite aos nenos en todo o club.
Hai algún servizo estrela ou produto imprescindible que vos gustaría que coñecese a comunidade do Waterpolo?
O noso servizo principal é a peluquería canina e felina. Pero tamén consideramos fundamental ofrecer unha boa alimentación e os coidados básicos que toda mascota necesita hoxe en día.
A vida dun negocio local non sempre é doada. Que desafíos afrontastes e como os superastes mantendo o voso espírito?
O principal reto é a competencia. É algo co que loitamos día a día. Por iso sempre intentamos dar o mellor de nós e ofrecer un servizo excelente, para que os clientes se sintan a gusto e vexan ás súas mascotas felices despois de cada sesión.
Mirando ao futuro, que proxectos ou soños tedes para Millapets?
Sempre estamos pensando en melloras, tanto para o negocio como para os nosos clientes. Queremos seguir apostando pola alimentación natural e pola mellor cosmética para as mascotas. Hai moito camiño por diante.
Para rematar, que mensaxe vos gustaría enviar á comunidade, aos clientes e á familia do Waterpolo?
Para quen aínda non nos coñece, gustaríanos que nos dean a oportunidade de mostrar o noso traballo e dedicación polos mellores amigos de catro patas.
E grazas aos nosos clientes, porque hoxe en día somos unha auténtica familia.


