Nova xornada das ligas galegas para os equipos do club, con desprazamento a Lugo para disputar catro encontros.
Balance positivo, a pesar de comezar a xornada cunha derrota na categoría infantil, na que o noso equipo Brio caeu derrotado por 13-5. A pesar diso, houbo unha notable melloría con respecto aos partidos anteriores, cunha moita maior cohesión en defensa e máis movementos en ataque. Comezan a cohesionarse como equipo.
O segundo partido disputouse na categoría cadete, onde o noso equipo marcou diferenzas desde o inicio e, cun parcial de 1-7 no primeiro cuarto, colleu vantaxe para dar minutos de xogo a todos os nosos xogadores, mantendo a diferenza ata o 6-14 final.
O terceiro encontro foi na categoría absoluta masculina de DH, onde esta vez os santiagueses dominaron desde o inicio, chegando ao final do primeiro cuarto cunha diferenza de sete goles, sen dar opcións aos locais e aumentando a vantaxe en cada cuarto para acabar levándose o encontro por un claro 3-22.
Por último, disputouse o encontro na categoría absoluta feminina de DH, un partido moi similar ao anterior, a pesar dun inicio dubitativo das santiaguesas, que deron moitas facilidades en defensa. Pero, unha vez asentadas no partido, foron aumentando a diferenza para acabar levándose o encontro por un cómodo 5-21.






