O equipo alevín B, o máis novo en liza esta fin de semana, non puido sumar puntos e perdeu por 10-5 nun encontro no que, a pesar do marcador adverso, deixou momentos de gran intensidade e espírito loitador.
A responsable deste conxunto é Ceci Cobas, adestradora das categorías inferiores, quen subliña o carácter formativo deste tipo de encontros:
“O importante é que non deixaron de competir en ningún momento. Estes partidos axúdannos a detectar aspectos a mellorar, pero tamén a valorar o progreso individual e colectivo. Para moitos, cada xornada é unha experiencia nova e iso é fundamental no seu crecemento”.
Os alevíns, que se atopan en plena curva de aprendizaxe, demostraron capacidade para xerar ocasións ofensivas e unha notable mellora na saída de presión, dous elementos que o corpo técnico considera claves para as próximas semanas.

