Unha pequena reflexión sobre o arbitraxe no waterpolo galego
Nas últimas semanas vin e escoitei situacións en distintas piscinas que, sinceramente, non lle gustan a ninguén que queira este deporte de verdade. Pequenos detalles, decisións ou sensacións que ás veces deixan esa impresión de que o importante deixa de ser o xogo, o esforzo ou a aprendizaxe, e pasa a ser quen xoga na casa e quen vén de fóra.
Por iso escribo esta pequena reflexión, desde o respecto e coa intención de que todos sigamos mellorando polo ben do waterpolo galego.
O waterpolo de competición dentro da nosa comunidade vive grazas á paixón. Á paixón dos clubs modestos, dos adestradores que fan quilómetros cada fin de semana, das familias que enchen pequenas bancadas un domingo pola mañá e tamén dos árbitros, que moitas veces dedican o seu tempo de maneira case vocacional.
Pero precisamente porque este deporte se sostén sobre persoas próximas, coñecidas e comprometidas, é onde máis importante resulta protexer algo esencial: a imparcialidade.
Nas competicións galegas é habitual que os árbitros sexan ex xogadores, familiares de xogadores, irmáns de deportistas ou persoas vinculadas dalgunha maneira a clubs concretos. E iso non ten por que ser algo negativo. O importante é saber deixar esas relacións á marxe cando toca arbitrar. Porque o waterpolo necesita que as decisións sexan tomadas coa maior neutralidade posible.
Todos sabemos como funciona moitas veces: xogas fóra e arbitran árbitros desa mesma cidade ou desa mesma zona. Vas a Vigo e arbitran árbitros de Vigo. Vas á Coruña e arbitran árbitros da Coruña.
E aínda que seguramente a maioría das veces non exista mala intención, desde dentro da auga ás veces percíbense diferenzas de criterio entre o equipo local e o visitante. Moitas veces pode ser algo inconsciente, produto da familiaridade, da presión ambiental ou simplemente de estar acostumado a ver sempre aos mesmos equipos. Pero son situacións sobre as que convén reflexionar.
O árbitro non só aplica un regulamento. Tamén transmite valores. E iso é aínda máis importante cando diante non ten só xogadores absolutos, senón nenos e nenas de 8, 9 ou 10 anos que están aprendendo o que significa competir.
Eles observan os xestos, as decisións, o ton e a maneira de actuar. Aprenden o que é o respecto, a igualdade e a xustiza dentro do deporte.
Unha arbitraxe coherente e profesional non significa non equivocarse. Todos cometemos erros. O que realmente se valora é o equilibrio, o criterio estable e a honestidade.
Que unha mesma acción sexa interpretada igual nos dous lados. Que o respecto sexa para todos por igual. E que o árbitro consiga abstraerse do ambiente, das cores ou das relacións persoais que poida haber arredor dunha piscina.
O waterpolo galego merece seguir medrando desde o respecto e desde a igualdade. E iso tamén pasa por entender que un árbitro non representa a unha cidade nin a un club. Representa ao deporte.
E o deporte, cando é xusto, educa, une e fai crecer a todos.

