Os días 12 e 13 de abril, a Piscina Municipal Olímpica de Lieiro, no concello de Cervo, será o escenario do Campionato Galego de Wáter-polo Infantil Mixto de Inverno, unha das citas máis importantes do calendario para as promesas deste deporte en Galicia.

O campionato comezará o sábado ás 13:30 horas cos encontros da primeira fase. Xa o domingo, a partir das 10:00 horas, disputaranse as finais, nas que se decidirán os equipos que subirán ao podio desta edición.
Nesta competición participarán nove equipos, entre os cales destaca o Club Waterpolo Santiago, que contará con dúas representacións: o CW Santiago A e o CW Santiago B, reflexo do gran traballo que se está a facer na súa canteira e do crecemento continuo do club.
Este evento promete ser unha auténtica festa do wáter-polo base Galego, onde a deportividade, a paixón e o esforzo serán os grandes protagonistas.

