O Club Waterpolo Santiago foi convidado oficialmente a participar no Campionato de España de Escolas Alevín, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño na piscina Esperanza Lag de Elche. Esta invitación supón un recoñecemento ao excelente rendemento do noso equipo, que se proclamou campión invicto da Liga Galega 2024/2025 na categoría Alevín Mixta.
O noso club estará representado por un equipo mixto que competirá ao máis alto nivel nacional, e que estará liderado pola nosa adestradora Ceci Cobas, figura clave no desenvolvemento e crecemento do grupo ao longo da tempada.

Agradecemos á organización do evento pola invitación e por continuar impulsando o desenvolvemento do waterpolo base. Desde o Club Waterpolo Santiago, afrontamos esta experiencia con ilusión, compromiso e o orgullo de representar a Galicia e á nosa cidade nesta cita deportiva de primeiro nivel.



