Fin de semana de acción para o Club Waterpolo Santiago: emocións, remontadas e bo xogo

Xornada dobre e intensa a que viviron os equipos do Club Waterpolo Santiago esta fin de semana, con partidos disputados tanto na casa como fóra, e cun balance xeral máis que positivo.

O sábado 24, o CW Pontevedra visitou as instalacións de Santa Isabel para disputar tres encontros en distintas categorías. O primeiro deles, na categoría Benxamín, foi unha auténtica montaña rusa de emocións. Tras un inicio dubitativo por parte do conxunto local, que chegou a ir perdendo 0-2 nos primeiros compases, os santiagueses sacaron carácter e garra para protagonizar unha gran remontada e levar a vitoria por un axustado 4-3. Un triunfo con sabor especial, pola intensidade do choque e a determinación amosada polos máis pequenos.

Celia Domínguez – Xogadora Benxamín do CW Santiago

A continuación, disputouse o encontro na categoría Infantil Mixta, onde o Club Waterpolo Santiago demostrou unha gran solidez defensiva e eficacia ofensiva. O marcador final, 12-2, reflicte o dominio local durante todo o partido, que permitiu pechar o encontro con contundencia e boas sensacións.

Helena Dosantos – Xogadora Infantil do CW Santiago

Pecharon a xornada do sábado os Xuvenís, nun duelo que comezou igualado, cos santiagueses mantendo o tipo ata o descanso. Porén, un mal terceiro cuarto permitiulle ao CW Pontevedra escaparse no marcador e acabar levando o encontro por 8-17.

Pedro Rubal – Xogador Xuvenil do Club Waterpolo Santiago

Ademais destes tres partidos, tamén se disputou o encontro correspondente á Liga Galega Máster, onde o equipo Santiagués enfrontouse ao Club Marina Ferrol nun duelo vibrante. O partido foi moi disputado, pero finalmente caeu do lado visitante por un apertado 9-10, resultado que lles outorga o título galego. Aínda así, gran imaxe do conxunto Santiagués ante un rival de moito nivel.

CW Santiago e CM ferrol na Liga Galega Másters

A acción continuou o domingo 25 de maio, cunha nova visita, desta volta ás instalacións de San Diego, para enfrontarse ao CW Coruña. Os Alevíns do equipo B foron os primeiros en saltar á auga. A pesar de caer por 6-5, amosaron unha gran actitude, logrando case remontar un encontro que se lles puxera moi costa arriba dende o inicio. A súa reacción, con bo xogo e entrega, é para aplaudir. Noraboa aos máis pequenos polo seu progreso e esforzo!

Equipo Alevín B Mixto , do CW Santiago

Na categoría Infantil, o CW Santiago repetiu a actuación brillante do día anterior cun sólido 10-0, que lles permite escalar ata a terceira posición da clasificación.

Equipo Infantil Mixto do CW Santiago

“Máis alá dos resultados, cada partido é unha oportunidade para crecer, aprender e seguir gozando do waterpolo. Este club constrúese co esforzo de todos, dentro e fóra da auga.”

Publicado por

Descoñecido's avatar

Club Waterpolo Santiago

Blog oficial do Club Waterpolo Santiago

Deixar un comentario