O equipo masculino do Club Waterpolo Santiago asinou unha destacada actuación no Campionato Galego Alevín Mixto de Inverno disputado en As Pontes de García Rodríguez, acadando un brillante subcampionato tras un torneo moi completo e competitivo.
Enquadrados no grupo A, os santiagueses amosaron desde o inicio un gran nivel de xogo. A estrea saldouse cunha clara vitoria ante Coruña por 15-5, resultado que reforzaron no segundo encontro ao superar a Marina Ferrol por 11-3. Estes dous triunfos permitíronlles rematar como líderes de grupo e acceder á fase final pola loita polas medallas.
Xa na liguiña decisiva, os composteláns mantiveron o bo ton competitivo ao impoñerse con autoridade ao primeiro clasificado do grupo B, o CW As Mariñas, por 11-4. Na final polo ouro, porén, o equipo non puido frear o potencial de Pontevedra Lerez, que se levou o partido cun contundente 12-2. Malia a derrota, a medalla de prata certifica o gran traballo do conxunto masculino, que deixa moi boas sensacións de cara ás vindeiras citas.


