O equipo Infantil B do Club Waterpolo Santiago tamén estivo presente no Campionato Galego Mixto Infantil de Inverno, ofrecendo unha valente actuación chea de aprendizaxe. Composto por xogadores de categorías inferiores, tanto de primeiro ano infantil como Alevín, o equipo amosou dedicación en cada encontro e pechou a súa participación cunha valiosa oitava posición.
Na fase de grupos, o Infantil B enfrontouse a dous esixentes rivais: CM Ferrol, contra o que perdeu por 0-10, e o CW Pontevedra masculino, cun resultado adverso de 1-11. Estes marcadores leváronos á fase polos postos 7o ao 9o.
Alí disputaron un dos partidos máis igualados do torneo ante o CW As Mariñas, no que case gaña, pero finalmente perdeu por un axustado 9-10. Con todo, o equipo de Santiago pechou o campionato cun gran sorriso, vencendo ao CW Lugo por 10-5, e deixando moi boas sensacións para o futuro.



