O CW Santiago achega talento á selección Infantil galega de waterpolo

O Club Waterpolo Santiago volverá estar presente un ano máis na selección galega de waterpolo, achegando varios xogadores e xogadoras ás diferentes convocatorias autonómicas. Nesta ocasión, os representantes do club serán Andrea González González, Gabriel Vlad, Gael Caamaño Fernández, Hugo Mata Pardo, Iván Vieites Marey, Marina Mourelos Ruibal

Este feito pon en valor o traballo diario que se realiza desde a base, así como o compromiso do club coa formación integral dos seus deportistas. A presenza de representantes do club na selección galega é un motivo de orgullo para toda a entidade, e reflexa o crecemento e consolidación do proxecto deportivo do CW Santiago.

Desde o club, queremos felicitar aos convocados e convocadas, e desexarlles moita sorte nesta nova etapa representando a Galicia.

O Club Waterpolo Santiago, protagonista na VIII Gala do Deporte

Membros da directiva, staff técnico e xogadores do Club Waterpolo Santiago

A VIII Gala do Deporte – Premios Santiago Deporte, celebrada o pasado 24 de marzo de 2026 no Auditorio de Galicia, converteuse nunha gran festa do deporte compostelán, reunindo a deportistas, clubs e representantes institucionais nun acto marcado pola emoción e o recoñecemento.

Organizada polo Concello de Santiago, a gala puxo en valor os logros da tempada 2024-25, así como o traballo diario de entidades e persoas que contribúen ao desenvolvemento do deporte na cidade.

Entre todos os premiados, destacou especialmente o Club Waterpolo Santiago, que foi recoñecido como entidade deportiva máis destacada, un galardón que recoñece o seu compromiso, esforzo e a súa crecente relevancia dentro do panorama deportivo compostelán.

O acto, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín e conducido por Lorena Pose e Federico Pérez, contou cun ambiente moi emotivo e diversos momentos de grande intensidade, como as mencións especiais e os recoñecementos a figuras históricas do deporte local.

Este recoñecemento supón un importante impulso para o Club Waterpolo Santiago, consolidando o seu papel como unha das entidades de referencia na promoción do deporte e dos seus valores en Santiago de Compostela.

VIII Gala dos Premios Santiago Deporte

Descrición
O vindeiro martes 24 de marzo, o Auditorio de Galicia acollerá a VIII Gala dos Premios Santiago Deporte a partir das 20:00 horas. Este evento anual serve para recoñecer o esforzo e os logros de deportistas, entidades e empresas vinculadas a Santiago de Compostela durante a tempada 2024/25 ou o ano 2025.

Como adoita ser habitual neste tipo de actos institucionais, a entrada está pensada para a comunidade deportiva local e as familias das persoas premiadas, polo que o acceso xestiónase de forma gratuíta ou por convite. Para quen non poida achegarse ao Auditorio, a cerimonia retransmitirase por streaming, permitindo seguir o desenvolvemento dunha xornada que Manuel García Reigosa define como un punto de encontro para o deporte da cidade.

Entregaranse galardóns en doce categorías diferentes, ademais de dúas mencións especiais. As persoas premiadas reciben un diploma e unha medalla conmemorativa deseñada para a ocasión. Nas categorías de base, destacan Debris e Demeku Paniagua na sección feminina, e Cosme González na masculina.

Os premios absolutos recaeron en Blanca Millán e Guillermo Carracedo, mentres que o Club Waterpolo Santiago foi seleccionado como a entidade deportiva do ano. Tamén se recoñece o labor de María José Barbazán como adestradora e xuíza, así como o apoio da empresa Ferrecal a través do patrocinio deportivo.

Screenshot

A gala tamén pon o foco en aspectos que van máis alá da competición. A Andaina de Duchenne e Becker, xunto a Juanma e Samuel Mata, reciben o premio á acción social, e Marcelo Lusardi é recoñecido na categoría de deporte adaptado.

O ámbito educativo está representado polo Colexio Peleteiro, mentres que os premios á traxectoria recaen en Chuco Barreiro e Maruxa Barral. O palmarés complétase con dúas mencións especiais: unha para o Luís Penido Rally Team e outra, a título póstumo, para Emilio Navaza.


Detalles do evento

📅 Data: martes, 24 de marzo de 2026
🕗 Hora: 20:00
📍 Localización: Auditorio de Galicia
💶 Prezo: Gratis
👶 Idade recomendada: +6 anos

Entrevista ao Club Waterpolo Santiago

Dende os estudos de Radio Líder, onde se abordaron diversos temas relacionados coa súa actividade deportiva, os seus proxectos e a actualidade do club.

🐾 Entrevista a Millapets – Coidado, deporte e comunidade

Para comezar, contádenos un pouco sobre as orixes de Millapets. Como naceu o proxecto e que vos inspirou a dedicarvos á peluquería canina, á tenda especializada en mascotas e ao coidado integral dos peludos amigos?

A idea xurdiu despois de varios anos traballando para outras empresas. Sabiamos que este sector estaba en auxe polo crecente interese nos coidados das nosas mascotas: alimentación, complementos e, sobre todo, estética canina e felina. Ademais, gústanos moito o noso traballo cos animais, polo que decidimos dar o paso e crear o noso propio proxecto.

Que valores definen a Millapets e como os levades á práctica no voso día a día?

O noso principal valor é o benestar dos animais. Apostamos por unha estética respectuosa e por unha alimentación natural, sa e equilibrada. Sempre buscamos o mellor para eles, tanto no que toca á súa saúde como ao seu coidado integral.

En Ames e arredores convertístesvos nunha referencia. Que credes que vos axudou a conectar tan ben coa xente da zona?

Cremos que é polo noso traballo, o mimo que lle damos tanto aos clientes como ás súas mascotas e o asesoramento personalizado que ofrecemos sempre que teñen unha dúbida. Esa confianza construíuse pouco a pouco.

No voso sector, o coidado integral é clave. Que é o que máis gozades do voso traballo?

O mellor momento é cando rematamos un servizo e vemos o resultado, pero sobre todo cando o cliente recolle á súa mascota feliz e satisfeita. Esa reacción compensa todo.

Como patrocinadores do equipo de Waterpolo, compartimos valores como esforzo, traballo en equipo e superación. Que vos motivou a colaborar connosco?

A colaboración naceu porque teño aos meus sobriños no club, un deles Leo, o meu afillado. Puiden ver de preto que é un club moi familiar. Notei un cambio moi positivo nos nenos grazas ao traballo que realizades. Paréceme que estades a facer unha labor excelente.

Vedes algunha relación entre o espírito do deporte e o da vosa labor en Millapets?

Por suposto. O traballo, a constancia e o esforzo son claves tanto no deporte como no noso día a día. Tamén o traballo en equipo, que é algo que se lles transmite aos nenos en todo o club.

Hai algún servizo estrela ou produto imprescindible que vos gustaría que coñecese a comunidade do Waterpolo?

O noso servizo principal é a peluquería canina e felina. Pero tamén consideramos fundamental ofrecer unha boa alimentación e os coidados básicos que toda mascota necesita hoxe en día.

A vida dun negocio local non sempre é doada. Que desafíos afrontastes e como os superastes mantendo o voso espírito?

O principal reto é a competencia. É algo co que loitamos día a día. Por iso sempre intentamos dar o mellor de nós e ofrecer un servizo excelente, para que os clientes se sintan a gusto e vexan ás súas mascotas felices despois de cada sesión.

Mirando ao futuro, que proxectos ou soños tedes para Millapets?

Sempre estamos pensando en melloras, tanto para o negocio como para os nosos clientes. Queremos seguir apostando pola alimentación natural e pola mellor cosmética para as mascotas. Hai moito camiño por diante.

Para rematar, que mensaxe vos gustaría enviar á comunidade, aos clientes e á familia do Waterpolo?

Para quen aínda non nos coñece, gustaríanos que nos dean a oportunidade de mostrar o noso traballo e dedicación polos mellores amigos de catro patas.
E grazas aos nosos clientes, porque hoxe en día somos unha auténtica familia.

PROGRAMA DE DETECCIÓN DE TALENTOS

Seguimento Galego de Tecnificación de Waterpolo – día 30/10/25

Concentración Infantil Masculina Sur – Piscina : Rías do Sur – ( Pontevedra )

Hora de entrada: 10:00 – Hora de salida: 11:45

Seguimento Galego de Tecnificación de Waterpolo – día 30/10/25

Concentración Infantil Femenina Sur – Piscina : Rías do Sur – ( Pontevedra )

Hora de entrada: 11:45 – Hora de salida: 13:30

Contra a Violencia Gañamos Todos

Onte competimos na piscina de Frigsa, en Lugo, os nosos equipos infantil, absoluto feminino e absoluto masculino levouse as vitorias deportivas, pero a verdadeira vitoria para nós está noutro partido: o da loita contra a violencia de xénero.

Unimos esforzos dentro e fóra da auga para facer visible esta causa e seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e segura para todas.

Absoluta Masculina (División de Honor)

O equipo absoluto masculino completou a xornada cun triunfo contundente por 3-22, protagonizando unha das actuacións máis destacadas do día. Un inicio arrollador permitiu abrir unha diferenza de sete goles xa no primeiro parcial, apoiándose nunha defensa moi sólida que mantivo a portería a cero durante os tres primeiros períodos.
O dominio en todas as fases do xogo, tanto en defensa como en ataque posicional e contragolpe, deixou sen opcións ao rival e consolidou unha vitoria clara que reforza o bo momento competitivo do equipo.

🧁 Entrevista á Merenguela – Doce sabor, deporte e comunidade

🧁 Entrevista á A Merenguela – Doce sabor, deporte e comunidade

Conversa completa con A Merenguela: historia, valores, comunidade e moito merengue.

“Para nós, A Merenguela máis ca unha pastelería é un lugar onde a xente pode sentirse como na casa.”

1. Para comezar, contádenos un pouco sobre as orixes da A Merenguela. Como naceu o proxecto e que vos inspirou a crear esta pastelería tan especial?

Rafa e máis eu coñecémonos dende hai un feixe, eramos uns cativos; tiñamos amizades en común, pero foi por casualidade que coincidimos traballando xuntos nun obrador, onde el era pasteleiro. Alí foi onde nos fixemos noivos —e onde comezou todo—, porque pasabamos moito tempo traballando codo con codo. Ben, máis ben eu aprendendo e el ensinándome, porque era e é quen domina a arte da pastelería. Eu son a que lle dá o toque feminino 😉.
Co tempo, decidimos cambiar de rumbo para ter unha vida un pouco máis tranquila. Rafa comezou a traballar nunha cristalaría e eu no comercio. Pasaron bastantes anos —14 ben—, ata que, por circunstancias da vida, a empresa de zapatarías na que eu traballaba fíxose en quebra e pechou todas as súas tendas e, pouco despois, a Rafa fixéronlle unha operación importante de cadeira que lle impediu seguir co seu traballo.
Foi entón cando pensarmos: e se volvemos ao que realmente nos gusta? E así naceu “A Merenguela”, desa mestura de amor, experiencia compartida…

2. Que valores definen á A Merenguela e como os poñedes en práctica no día a día, tanto na pastelería como no trato cos clientes?

En “A Merenguela” temos moi claros os valores que nos definen: o agarimo polo que facemos, a calidade en cada detalle e a proximidade cos nosos clientes.
Cada produto que sae do obrador facémolo co mesmo coidado ca se fose para a nosa propia familia. Gústanos manter ese toque artesanal.
No que ten que ver co trato co cliente, cremos que na pastelería non é só vender doces, senón crear momentos fermosos. Esforzámonos para que cada persoa que entra se sinta benvida e atendida cun sorriso. Para nós, cada encargo, por pequeno que sexa, ten unha historia detrás e iso motívate a dar sempre o mellor, ou polo menos esa é a nosa intención.

3. Nestes anos convertéstesvos nun lugar de encontro moi querido. Que credes que vos axudou a crear esa conexión tan próxima coa xente do Milladoiro e arredores?

Posiblemente a naturalidade coa que facemos as cousas; para nós “A Merenguela” máis ca unha pastelería é un lugar onde a xente pode sentirse como na casa.
Gústanos falar con quen vén cada día, lembrar os seus gustos, os seus días importantes nos cales contan moitas veces connosco. Co tempo, esas conversas convertéronse en agarimo mutuo e en confianza.
Facemos o que nos gusta, facémolo con agarimo e tratamos as persoas co mesmo respecto e proximidade. Ao final iso nótase: dende que estamos en “A Merenguela” coñecemos moita xente que agora forma unha parte importante das nosas vidas.

4. Ademais do pan, o café e os doces, na A Merenguela respírase un ambiente familiar. Que é o que máis vos enche de satisfacción no voso traballo?

Sen dúbida, o que máis nos enche de satisfacción é ver gozar á xente. Que che digan que un pastel lles lembra a un sabor da súa infancia, ou cando veñen familias cada fin de semana e fan de “A Merenguela” parte da súa rutina.
Ver medrar os nenos, compartir café con clientela de sempre, preparar unha torta especial para unha ocasión importante ou mesmo prepararlle unha mesa doce… esas son as cousas que nos fan sentir que todo o esforzo paga a pena.
Para nós “A Merenguela” máis ca un traballo é a nosa casa, pasamos moitas horas aquí e formamos unha pequena familia. Con nós está Vero, que traballa ao noso carón dende hai tempo e a quen acollimos como unha máis. Todo se vive cun ambiente moi familiar e cremos que esa enerxía se transmite a quen nos visita.

5. Como patrocinadores do equipo de waterpolo, formades parte dunha comunidade moi unida. Que vos motivou a apoiarnos e que significa para vós esta colaboración?

Para nós formar parte da comunidade do waterpolo é algo moi especial. Decidimos apoiar este deporte porque admiramos moitísimo o traballo que fan as adestradoras e os adestradores e todo o equipo. Detrás de cada partido hai valores como o esforzo, a disciplina, a superación e o compañeirismo.
Esta colaboración ten un significado moi persoal para nós, porque grazas ao waterpolo o meu fillo Hugo atopou o seu lugar. Pasou unha época complicada na que non remataba de sentirse ben nin de atopar o seu camiño e foi neste club onde todo mudou. Viu a luz, recuperou a ilusión e tivo un cambio espectacular. Hoxe é feliz, adora a Xavi, o seu adestrador, a quen ve como un referente.
Tamén está Leo, o pequeno, que pensabamos que ía ser “ATLETISTA”, como el dicía, pero foi probar o waterpolo co club e non o cambia por nada ❤️❤️.
Nós, como pais, só podemos sentir agradecemento; atopeime con xente marabillosa que nos colleu cos brazos abertos dende o primeiro momento. Por iso, para nós apoiar o equipo non é só un patrocinio: é unha maneira de devolver un pouquiño de todo o que o waterpolo nos deu.

6. Vedes algunha relación entre o espírito do deporte e o da pastelería? (por exemplo: esforzo, constancia, traballo en equipo, superación…)

Si, cremos que ten moito que ver; en ambos os casos hai que esforzarse, ter constancia, disciplina e paixón. No deporte, igual ca no obrador, os resultados non chegan dun día para outro: hai que practicar, equivocarse, aprender e seguir intentándoo ata que as cousas saian ben.
Na pastelería trabállase con precisión e paciencia e no deporte creo que é o mesmo: cada detalle conta e o traballo en equipo é fundamental. Ao final, tanto nun adestramento coma nunha receita, o importante é dar o mellor de ti, gozar do proceso e non renderte.
Mentalidade de superación e compromiso.

7. Tedes algún produto “estrela” ou receita que se convertese na favorita da xente —ou mesmo do equipo de waterpolo? 😋

Si, temos varios, pero sen dúbida o máis especial son as mil follas de merengue, que teñen moito que ver co nome de “A Merenguela”.
Estamos nunha zona de paso do Camiño de Santiago e queriamos que o nome tivese unha conexión; así xurdiu “A Merenguela”: é a combinación da Torre da Berenguela —da Catedral de Santiago— e o merengue das nosas mil follas.
Ademais, tamén teñen moito éxito os New York rolls, que elaboramos con distintos recheos: pistacho, Ferrero, Kinder… E as nosas pastas de té personalizadas, que gustan moito. O detalle de personalizalas dálle un plus moi especial, porque á xente gústalle sentirse parte do que facemos.

8. A vida dun negocio local non sempre é doada. Que retos tivestes que afrontar e como os superastes mantendo a esencia artesanal?

Non, non é doado e, no noso caso, os comezos foron realmente duros. Custounos moitísimo abrir: tivemos moitos contratempos coas obras, os obreiros viñan uns días e despois pasaban semanas sen aparecer, a burocracia foi unha auténtica odisea… E, para rematar, colleunos o confinamento xusto no medio de todo.
Foi unha situación moi complicada, porque aínda non tiñamos o negocio aberto, así que non podiamos acceder a axudas nin prestacións. Estabamos en terra de ninguén: nin perdas, nin paro, nin ingreso. Neses momentos, o que nos sostivo foi o apoio da xente achegada, familiares e amizades que nos animaron a non desistir.
E unha vez que conseguimos abrir, o único que nos quedou foi traballar, traballar e seguir traballando, sempre con esforzo, ilusión e moitas ganas de superarnos. A día de hoxe seguimos igual: tentando mellorar cada día.
Igual ca o waterpolo: todo se basea en traballo, adestramento, constancia e superación. Esa é a actitude e o que nos mantén en pé día a día.

9. Mirando ao futuro, que soños ou proxectos tedes para A Merenguela nos próximos anos?

Medrar e seguir mellorando día a día. Gustaríanos seguir aprendendo, innovando e ofrecendo cousas novas sen perder a esencia.
E bueno… eu teño a miña ilusión persoal: encantaríame que algún día puidésemos abrir outra “Merenguela” nunha zona máis costeira. Sempre o digo —e lle dou a vara a Rafa con iso—, pero el é tremendo e frename un pouco, jajaja.
Aínda así, soñar é de balde, e o bonito é facelo xuntos, coa mesma paixón, esforzo e agarimo co que comezamos este proxecto.

10. Para rematar, que mensaxe vos gustaría compartir cos vosos clientes e con toda a familia do waterpolo que vos acompaña?

Sobre todo queremos darlles as grazas aos nosos clientes, por acompañarnos cada día, por confiar en nós e por facer de “A Merenguela” o que é hoxe.
E a toda a familia do waterpolo, por nos ter acollido tan ben e por nos facer sentir parte do equipo —aínda que o noso sexa máis mangas de merengue ca brazos de nadador, jaja—.
Encántanos ver como se goza tanto dentro coma fóra da auga… e tamén na mesa cun bo doce polo medio. A nosa mensaxe sería: “seguiremos poñendo todo o corazón e moito merengue para adozar cada pequeno momento”.
Grazas por seres parte del!
E, como diría —primeiro un papá, coñecido agora amigo e, como non, un gran traballador polo club, sempre tentando que medre e mellore—… ¡VÉMONOS NOS ADESTRAMENTOS! 💙💦

Grazas por ler esta entrevista completa a A Merenguela.

O sabor do éxito: A Merenguela únese como patrocinadora do CWS”

Este venres compartiremos unha entrevista moi especial cun dos nosos patrocinadores, LA MERENGUELA, un espazo onde o arrecendo do bo café e a paixón pola pastelaría se combinan co espírito deportivo. Grazas ao seu apoio, o noso club de waterpolo segue medrando dentro e fóra da auga. Non perdas esta conversa na que coñeceremos máis sobre a súa historia, os seus valores e o motivo da súa aposta polo deporte local.