O club compostelán participou con dous equipos mixtos de categorías base nun evento que reuniu a máis de 50 nenos e nenas e consolidou o espírito formativo do waterpolo galego

Unha xornada inesquecible para a base santiaguesa
O Club Waterpolo Santiago viviu unha xornada chea de emoción e aprendizaxe na primeira edición do Torneo CWC Rías Altas, celebrada esta fin de semana nas instalacións municipais de Oleiros (A Coruña). As categorías alevín e benxamín do club participaron con dous equipos mixtos, nun evento marcado pola deportividade, o compañeirismo e a ilusión de seguir medrando a través do deporte.
A cita, organizada polo Club Waterpolo Coruña (CWC), reuniu a máis de 50 deportistas de toda Galicia, procedentes de entidades como o CW Santiago, CW Pontevedra, e o propio club anfitrión. Durante toda a xornada disputáronse encontros curtos, rotatorios e de carácter formativo, nos que o obxectivo principal foi a participación e a convivencia.
“Foi unha experiencia marabillosa para todos. Os rapaces gozaron de cada partido e demostraron que o máis importante é aprender e divertirse xuntos”,
Ceci Cobas, adestradora do CW Santiago. “Decidimos participar con dous equipos mesturados para garantir que todos tivesen minutos e responsabilidades en xogo. A resposta foi excelente”.

Primeira edición dun torneo con vocación de futuro
O Torneo CWC Rías Altas naceu este 2025 co propósito de converterse nunha cita de referencia para a promoción do waterpolo base en Galicia. A organización correu a cargo do Club Waterpolo Coruña.
Segundo explicou a propia organización, a filosofía do evento baséase en fomentar a convivencia entre clubs e crear un espazo seguro e divertido para a práctica do deporte acuático.
No caso do CW Santiago, os dous conxuntos da entidade compostelá protagonizaron o partido polo terceiro e cuarto posto, un encontro vibrante e cheo de deportividade que pechou a competición con ambiente festivo. As bancadas, cheas de familiares e simpatizantes, aplaudiron a entrega dos xogadores e xogadoras.
“Ver aos nosos dous equipos competindo entre si con esa alegría é o mellor premio posible”, engadiu Cobas. “O nivel técnico e o espírito de compañeirismo foron fantásticos. Estes torneos son unha ferramenta educativa e deportiva fundamental”.

















