PROGRAMA DE DETECCIÓN DE TALENTOS

Seguimento Galego de Tecnificación de Waterpolo – día 30/10/25

Concentración Infantil Masculina Sur – Piscina : Rías do Sur – ( Pontevedra )

Hora de entrada: 10:00 – Hora de salida: 11:45

Seguimento Galego de Tecnificación de Waterpolo – día 30/10/25

Concentración Infantil Femenina Sur – Piscina : Rías do Sur – ( Pontevedra )

Hora de entrada: 11:45 – Hora de salida: 13:30

🧁 Entrevista á Merenguela – Doce sabor, deporte e comunidade

🧁 Entrevista á A Merenguela – Doce sabor, deporte e comunidade

Conversa completa con A Merenguela: historia, valores, comunidade e moito merengue.

“Para nós, A Merenguela máis ca unha pastelería é un lugar onde a xente pode sentirse como na casa.”

1. Para comezar, contádenos un pouco sobre as orixes da A Merenguela. Como naceu o proxecto e que vos inspirou a crear esta pastelería tan especial?

Rafa e máis eu coñecémonos dende hai un feixe, eramos uns cativos; tiñamos amizades en común, pero foi por casualidade que coincidimos traballando xuntos nun obrador, onde el era pasteleiro. Alí foi onde nos fixemos noivos —e onde comezou todo—, porque pasabamos moito tempo traballando codo con codo. Ben, máis ben eu aprendendo e el ensinándome, porque era e é quen domina a arte da pastelería. Eu son a que lle dá o toque feminino 😉.
Co tempo, decidimos cambiar de rumbo para ter unha vida un pouco máis tranquila. Rafa comezou a traballar nunha cristalaría e eu no comercio. Pasaron bastantes anos —14 ben—, ata que, por circunstancias da vida, a empresa de zapatarías na que eu traballaba fíxose en quebra e pechou todas as súas tendas e, pouco despois, a Rafa fixéronlle unha operación importante de cadeira que lle impediu seguir co seu traballo.
Foi entón cando pensarmos: e se volvemos ao que realmente nos gusta? E así naceu “A Merenguela”, desa mestura de amor, experiencia compartida…

2. Que valores definen á A Merenguela e como os poñedes en práctica no día a día, tanto na pastelería como no trato cos clientes?

En “A Merenguela” temos moi claros os valores que nos definen: o agarimo polo que facemos, a calidade en cada detalle e a proximidade cos nosos clientes.
Cada produto que sae do obrador facémolo co mesmo coidado ca se fose para a nosa propia familia. Gústanos manter ese toque artesanal.
No que ten que ver co trato co cliente, cremos que na pastelería non é só vender doces, senón crear momentos fermosos. Esforzámonos para que cada persoa que entra se sinta benvida e atendida cun sorriso. Para nós, cada encargo, por pequeno que sexa, ten unha historia detrás e iso motívate a dar sempre o mellor, ou polo menos esa é a nosa intención.

3. Nestes anos convertéstesvos nun lugar de encontro moi querido. Que credes que vos axudou a crear esa conexión tan próxima coa xente do Milladoiro e arredores?

Posiblemente a naturalidade coa que facemos as cousas; para nós “A Merenguela” máis ca unha pastelería é un lugar onde a xente pode sentirse como na casa.
Gústanos falar con quen vén cada día, lembrar os seus gustos, os seus días importantes nos cales contan moitas veces connosco. Co tempo, esas conversas convertéronse en agarimo mutuo e en confianza.
Facemos o que nos gusta, facémolo con agarimo e tratamos as persoas co mesmo respecto e proximidade. Ao final iso nótase: dende que estamos en “A Merenguela” coñecemos moita xente que agora forma unha parte importante das nosas vidas.

4. Ademais do pan, o café e os doces, na A Merenguela respírase un ambiente familiar. Que é o que máis vos enche de satisfacción no voso traballo?

Sen dúbida, o que máis nos enche de satisfacción é ver gozar á xente. Que che digan que un pastel lles lembra a un sabor da súa infancia, ou cando veñen familias cada fin de semana e fan de “A Merenguela” parte da súa rutina.
Ver medrar os nenos, compartir café con clientela de sempre, preparar unha torta especial para unha ocasión importante ou mesmo prepararlle unha mesa doce… esas son as cousas que nos fan sentir que todo o esforzo paga a pena.
Para nós “A Merenguela” máis ca un traballo é a nosa casa, pasamos moitas horas aquí e formamos unha pequena familia. Con nós está Vero, que traballa ao noso carón dende hai tempo e a quen acollimos como unha máis. Todo se vive cun ambiente moi familiar e cremos que esa enerxía se transmite a quen nos visita.

5. Como patrocinadores do equipo de waterpolo, formades parte dunha comunidade moi unida. Que vos motivou a apoiarnos e que significa para vós esta colaboración?

Para nós formar parte da comunidade do waterpolo é algo moi especial. Decidimos apoiar este deporte porque admiramos moitísimo o traballo que fan as adestradoras e os adestradores e todo o equipo. Detrás de cada partido hai valores como o esforzo, a disciplina, a superación e o compañeirismo.
Esta colaboración ten un significado moi persoal para nós, porque grazas ao waterpolo o meu fillo Hugo atopou o seu lugar. Pasou unha época complicada na que non remataba de sentirse ben nin de atopar o seu camiño e foi neste club onde todo mudou. Viu a luz, recuperou a ilusión e tivo un cambio espectacular. Hoxe é feliz, adora a Xavi, o seu adestrador, a quen ve como un referente.
Tamén está Leo, o pequeno, que pensabamos que ía ser “ATLETISTA”, como el dicía, pero foi probar o waterpolo co club e non o cambia por nada ❤️❤️.
Nós, como pais, só podemos sentir agradecemento; atopeime con xente marabillosa que nos colleu cos brazos abertos dende o primeiro momento. Por iso, para nós apoiar o equipo non é só un patrocinio: é unha maneira de devolver un pouquiño de todo o que o waterpolo nos deu.

6. Vedes algunha relación entre o espírito do deporte e o da pastelería? (por exemplo: esforzo, constancia, traballo en equipo, superación…)

Si, cremos que ten moito que ver; en ambos os casos hai que esforzarse, ter constancia, disciplina e paixón. No deporte, igual ca no obrador, os resultados non chegan dun día para outro: hai que practicar, equivocarse, aprender e seguir intentándoo ata que as cousas saian ben.
Na pastelería trabállase con precisión e paciencia e no deporte creo que é o mesmo: cada detalle conta e o traballo en equipo é fundamental. Ao final, tanto nun adestramento coma nunha receita, o importante é dar o mellor de ti, gozar do proceso e non renderte.
Mentalidade de superación e compromiso.

7. Tedes algún produto “estrela” ou receita que se convertese na favorita da xente —ou mesmo do equipo de waterpolo? 😋

Si, temos varios, pero sen dúbida o máis especial son as mil follas de merengue, que teñen moito que ver co nome de “A Merenguela”.
Estamos nunha zona de paso do Camiño de Santiago e queriamos que o nome tivese unha conexión; así xurdiu “A Merenguela”: é a combinación da Torre da Berenguela —da Catedral de Santiago— e o merengue das nosas mil follas.
Ademais, tamén teñen moito éxito os New York rolls, que elaboramos con distintos recheos: pistacho, Ferrero, Kinder… E as nosas pastas de té personalizadas, que gustan moito. O detalle de personalizalas dálle un plus moi especial, porque á xente gústalle sentirse parte do que facemos.

8. A vida dun negocio local non sempre é doada. Que retos tivestes que afrontar e como os superastes mantendo a esencia artesanal?

Non, non é doado e, no noso caso, os comezos foron realmente duros. Custounos moitísimo abrir: tivemos moitos contratempos coas obras, os obreiros viñan uns días e despois pasaban semanas sen aparecer, a burocracia foi unha auténtica odisea… E, para rematar, colleunos o confinamento xusto no medio de todo.
Foi unha situación moi complicada, porque aínda non tiñamos o negocio aberto, así que non podiamos acceder a axudas nin prestacións. Estabamos en terra de ninguén: nin perdas, nin paro, nin ingreso. Neses momentos, o que nos sostivo foi o apoio da xente achegada, familiares e amizades que nos animaron a non desistir.
E unha vez que conseguimos abrir, o único que nos quedou foi traballar, traballar e seguir traballando, sempre con esforzo, ilusión e moitas ganas de superarnos. A día de hoxe seguimos igual: tentando mellorar cada día.
Igual ca o waterpolo: todo se basea en traballo, adestramento, constancia e superación. Esa é a actitude e o que nos mantén en pé día a día.

9. Mirando ao futuro, que soños ou proxectos tedes para A Merenguela nos próximos anos?

Medrar e seguir mellorando día a día. Gustaríanos seguir aprendendo, innovando e ofrecendo cousas novas sen perder a esencia.
E bueno… eu teño a miña ilusión persoal: encantaríame que algún día puidésemos abrir outra “Merenguela” nunha zona máis costeira. Sempre o digo —e lle dou a vara a Rafa con iso—, pero el é tremendo e frename un pouco, jajaja.
Aínda así, soñar é de balde, e o bonito é facelo xuntos, coa mesma paixón, esforzo e agarimo co que comezamos este proxecto.

10. Para rematar, que mensaxe vos gustaría compartir cos vosos clientes e con toda a familia do waterpolo que vos acompaña?

Sobre todo queremos darlles as grazas aos nosos clientes, por acompañarnos cada día, por confiar en nós e por facer de “A Merenguela” o que é hoxe.
E a toda a familia do waterpolo, por nos ter acollido tan ben e por nos facer sentir parte do equipo —aínda que o noso sexa máis mangas de merengue ca brazos de nadador, jaja—.
Encántanos ver como se goza tanto dentro coma fóra da auga… e tamén na mesa cun bo doce polo medio. A nosa mensaxe sería: “seguiremos poñendo todo o corazón e moito merengue para adozar cada pequeno momento”.
Grazas por seres parte del!
E, como diría —primeiro un papá, coñecido agora amigo e, como non, un gran traballador polo club, sempre tentando que medre e mellore—… ¡VÉMONOS NOS ADESTRAMENTOS! 💙💦

Grazas por ler esta entrevista completa a A Merenguela.

O sabor do éxito: A Merenguela únese como patrocinadora do CWS”

Este venres compartiremos unha entrevista moi especial cun dos nosos patrocinadores, LA MERENGUELA, un espazo onde o arrecendo do bo café e a paixón pola pastelaría se combinan co espírito deportivo. Grazas ao seu apoio, o noso club de waterpolo segue medrando dentro e fóra da auga. Non perdas esta conversa na que coñeceremos máis sobre a súa historia, os seus valores e o motivo da súa aposta polo deporte local.

ENHORABOA POLO TRIPLETE, CAMPÍONS!

Tempada 24/25 CW Santiago Alevín A

Lista ordenada alfabéticamente – ALEVÍNS A –

  1. Andrea González González
  2. Carmela Barreiro González
  3. Enzo Mera Salgueiro
  4. Flavia Iglesias Velo
  5. Gael Caamaño Fernández
  6. Isaac Papín Sánchez
  7. Iván Vieites Marey
  8. José Manuel Olveira Santos
  9. Julia Alvar Pozo
  10. Manuel Barreiro Creo
  11. Martín Barreiro González
  12. Rubén Suárez Pardo
  13. Sofía Uzal Ferro
  14. Tomás Gándara del Río
  15. Xurxo Carracedo Romero

 Lenda do Waterpolo Galego: Miguel Barca “Miguelón

Falar da historia do waterpolo galego é, inevitablemente, falar de Miguel Barca Fernández, máis coñecido como “Miguelón”.
Xogador incansable, testemuña e protagonista da evolución do noso deporte en Galicia desde finais dos anos 70 ata hoxe, Miguelón é moito máis ca o veterano boia do Club Waterpolo Santiago Master: é memoria viva do waterpolo galego.

Queremos agradecer sinceramente aos nosos amigos de WaterpoloGalicia pola magnífica entrevista realizada a Miguel Barca Fernández (Miguelón). Foi un verdadeiro pracer poder compartir un espazo no que se recoñece o esforzo, a traxectoria e a paixón dun dos referentes do noso deporte. Grazas por darlle visibilidade ao traballo e compromiso de quen forman parte da gran familia do waterpolo. ¡Seguimos sumando xuntos polo crecemento deste deporte que tanto amamos

O CW Santiago pecha as ligas galegas cun título na categoría benxamín Mixto

Os máis pequenos do club compostelán proclamáronse campións logo dunha vitoria clave ante o CW Pontevedra Ravachol

O pasado sábado marcou o peche das ligas galegas de waterpolo para o Club Waterpolo Santiago, cunha xornada intensa na que se disputaron catro encontros ante o Club Waterpolo Pontevedra. O día estivo marcado polo triunfo na categoría benxamín Mixto, onde os composteláns lograron coroarse campións tras vencer por 5-10 nun partido decisivo.

A categoría benxamín Mixto decide o título

A primeira cita da xornada foi o duelo entre o CW Santiago e o CW Pontevedra Ravachol na categoría benxamín, cun ingrediente especial: o título ligueiro estaba en xogo. O equipo rival adiantouse no marcador no primeiro cuarto, situando a presión sobre os composteláns. Porén, a resposta dos máis novos do CW Santiago foi exemplar: deron a volta ao resultado con solvencia e acabaron impoñéndose cun cómodo 5-10.

Este resultado permitiu ao equipo santiagués alzarse co título da liga galega na súa categoría, un éxito que recoñece o traballo desenvolvido durante toda a tempada.

O crecemento do waterpolo en Galicia vén sendo sostido na última década, cun aumento progresivo de licenzas e clubs participantes nas ligas autonómicas. Segundo datos da Federación Galega de Natación, máis de 300 xogadores e xogadoras compiten actualmente en diferentes categorías, o que supón un incremento do 40% respecto a hai cinco anos.

Neste contexto, o CW Santiago consolidouse como un dos clubs referentes, tanto pola súa aposta pola base como polos resultados acadados en categorías superiores.

Declaracións da adestradora Ceci Cobas

Ao remate do encontro, a adestradora do equipo benxamín do CW Santiago, Ceci Cobas, expresou a súa satisfacción polo resultado e, sobre todo, polo traballo desenvolvido ao longo da tempada:

Ceci Cobas . Técnica de Benxamíns e Alevíns

“É unha recompensa ao esforzo diario. Estes nenos e nenas levan meses adestrando con moita ilusión e hoxe demostraron que son capaces de competir e de superar momentos complicados. Estou moi orgullosa deles.”

“Sen o respaldo das familias e a estrutura do club isto non sería posible. A formación na base é clave, e o feito de que rematemos a tempada cun título demostra que imos polo bo camiño.”

“Máis alá do título, o importante é que estes rapaces disfrutan do deporte, medran como equipo e seguen mellorando cada día. Ese é o verdadeiro triunfo.”

A vitoria do equipo benxamín do CW Santiago pon o broche de ouro a unha tempada de Liga chea de esforzo e aprendizaxe. O éxito colleitado é tamén un reflexo do traballo formativo e da consolidación do waterpolo como disciplina emerxente no deporte galego.

Rematadas as Ligas Masculina e Feminina de División de Honra sen disputar os play-offs

🏆 O Club Waterpolo Santiago participará no Campionato de España de Escolas Alevín

O Club Waterpolo Santiago foi convidado oficialmente a participar no Campionato de España de Escolas Alevín, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño na piscina Esperanza Lag de Elche. Esta invitación supón un recoñecemento ao excelente rendemento do noso equipo, que se proclamou campión invicto da Liga Galega 2024/2025 na categoría Alevín Mixta.

O noso club estará representado por un equipo mixto que competirá ao máis alto nivel nacional, e que estará liderado pola nosa adestradora Ceci Cobas, figura clave no desenvolvemento e crecemento do grupo ao longo da tempada.

Adestradora do Club Waterpolo Santiago

Agradecemos á organización do evento pola invitación e por continuar impulsando o desenvolvemento do waterpolo base. Desde o Club Waterpolo Santiago, afrontamos esta experiencia con ilusión, compromiso e o orgullo de representar a Galicia e á nosa cidade nesta cita deportiva de primeiro nivel.

Clinic RFEN-FEGAN de Wáter-polo

O pasado día 17 e 18 de maio, a Federación Galega de Natación organizou, en colaboración coa Real Federación Española de Natación, o Clinic de Tecnificación de Wáter-polo titulado “Elementos básicos de técnica individual, progresión e contidos de adestramento”.

O evento estivo dirixido por Alex Ouses, técnico do Plan Nacional de Tecnificación Deportiva e adestrador dos equipos cadete e xuvenil da Selección Española.

O clínic, que foi gratuíto, estivo dirixido a técnicos/as de clubs galegos así como a xogadores/as con interese en iniciar a súa formación técnica.

Desde o Club Waterpolo Santiago participamos no evento coa presenza dos nosos dous adestradores e de varias das nosas xogadoras e xogadores, que aproveitaron esta oportunidade para seguir mellorando a nivel técnico e formativo.

Waterpolo: Máis ca un Deporte, unha Aventura Acuática para o Verán

Este verán, o concello de Cervo acollerá unha experiencia única para os mozos e mozas amantes do deporte acuático: o I Campus de Verán de Waterpolo, organizado pola Federación Galega de Natación (FEGAN). Do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025, rapaces e rapazas nados nos anos 2011, 2012, 2013 e 2014 terán a oportunidade de mergullarse nunha disciplina tan esixente como apaixonante.

O waterpolo combina natación, estratexia, resistencia e traballo en equipo. Lonxe de ser só un xogo na auga, é unha disciplina que require compromiso físico e mental. Por iso, campus coma este representan unha porta de entrada ideal para que os máis novos se inicien ou afonden neste deporte dunha maneira divertida, segura e profesional.

A proposta de FEGAN non é só deportiva, senón tamén formativa. A través de adestramentos dirixidos por técnicos especializados, os participantes poderán mellorar a súa técnica, desenvolver a súa capacidade táctica e, sobre todo, gozar do compañeirismo que caracteriza este deporte colectivo. A frase que acompaña o cartel résumeo perfectamente: “Supera os teus límites e vive unha experiencia única este verán”.

O campus conta co apoio institucional do Concello de Cervo e coa colaboración de marcas como Softee e Turbo, dous referentes no ámbito do material deportivo acuático.

Sen dúbida, esta iniciativa preséntase como unha excelente opción para introducir ás novas xeracións no waterpolo, un deporte completo que merece maior visibilidade dentro do panorama deportivo galego.