Nova xornada das ligas galegas de waterpolo para o CW Santiago, que recibía en Santa Isabel o CWP Ourense na categoría Absoluta Masculina de DH. A priori, era un partido para endereitar o mal inicio dos santiagueses na primeira xornada, pero cun comezo nefasto, tanto en defensa, dando moitas facilidades aos ourensáns, como en ataque, fallando numerosas ocasións claras, parecía que ía continuar a mala dinámica deste inicio de liga, xa que se chegaba ao descanso cun desfavorable cinco a nove e co partido costa arriba.
Pero os santiagueses souberon sobrepoñerse e, cun cambio radical a partir do terceiro cuarto, conseguiron empatar o encontro e vencer na quenda de penaltis para levar unha vitoria final por 16-15, moi traballada. Queda moito traballo por diante para reverter a situación deste inicio de tempada.
Pola súa banda, tamén se disputou o encontro na categoría infantil entre os dous equipos santiagueses, con vitoria do equipo Alento e moi boa predisposición e loita do equipo Brío. Aínda así, houbo unha clara superioridade do equipo Alento, que se levou o encontro cun resultado final de 10-1.

