O conxunto santiagués suma dous triunfos en Ourense e A Coruña que reforzan a súa posición competitiva.
O CW Santiago asinou unha xornada especialmente positiva nas ligas galegas de waterpolo, cun balance de dúas vitorias en dous desprazamentos esixentes a Ourense e A Coruña.
O equipo masculino de División de Honra foi o primeiro en entrar en acción, cun triunfo a domicilio por 14-9 fronte ao conxunto ourensán, mentres que o equipo feminino CW Santiago A Merenguela impúxose con claridade por 9-3 ao CW As Mariñas, resultado que lle permite situarse na terceira posición da clasificación e manter vivas as opcións de loita polos primeiros postos.
Un triunfo traballado en Ourense para pechar a primeira volta
O equipo masculino de DH do CW Santiago desprazouse ata Ourense. O partido, lonxe de resolverse con facilidade, estivo marcado pola intensidade e pola resistencia dun rival local que soubo incomodar ao conxunto santiagués durante boa parte do encontro.
A pesar de partir como favorito, o equipo compostelán atopouse cun rival “rocoso”, ben organizado en defensa e capaz de xerar dúbidas no ataque visitante. O marcador final de 14-9 reflicte unha diferenza clara, pero non exenta de dificultades.
“O partido foi incómodo desde o inicio. Non estivemos ao noso mellor nivel, pero o equipo soubo competir e aproveitar os erros do rival cando foi necesario”, explicou Xavi Pérez, adestrador dos equipos de categorías superiores do club. “Hai encontros nos que non brillas, pero tamén contan para medrar como grupo”, engadiu.
Desde o punto de vista estatístico, o encontro destacou pola capacidade do CW Santiago para manter a calma nos momentos de igualdade e pola súa eficacia nas transicións ofensivas, factores decisivos para abrir brecha no marcador nos dous últimos cuartos.

Solidez defensiva e autoridade na Coruña
Horas máis tarde, foi a quenda do equipo Infantil CW Santiago A Merenguela, que se desprazou ata A Coruña para enfrontarse ao CW As Mariñas. O encontro quedou encarrilado desde o primeiro cuarto, no que o conxunto santiagués marcou diferenzas cun xogo serio, ordenado e cunha defensa moi sólida.
O resultado final de 9-3 amosa a superioridade das visitantes, que controlaron o ritmo do partido en todo momento e apenas concederon ocasións claras ao rival. A boa organización defensiva e a efectividade nas finalizacións foron claves para un triunfo que ten un valor especial na loita polos postos de cabeza da clasificación.
“Estamos moi satisfeitas co traballo do equipo en xeral. Foi un partido moi completo, no que se viu a evolución do equipo”, sinalou Ceci Cobas, adestradora das categorías inferiores do CW Santiago, “Estes resultados son froito dun proceso que vén de atrás e que aposta pola formación e pola continuidade”, subliñou.


