
O equipo alevín masculino proclámase campión galego de verán tras un torneo impecable, mentres que o feminino continúa medrando e deixando moi boas sensacións. O combinado benxamín co CW As Mariñas completa a fin de semana cun meritorio subcampionato galego.
As instalacións da piscina de Lieiro, no concello lucense de Cervo, acolleron durante esta fin de semana os Campionatos Galegos Alevín Mixto e Benxamín Mixto de Verán, nunha intensa cita que reuniu aos mellores equipos da base do waterpolo galego. O Club Waterpolo Santiago participou con dous conxuntos na categoría alevín —masculino e feminino— e cun combinado xunto ao CW As Mariñas na categoría benxamín, acadando uns resultados moi destacados que confirman o gran traballo realizado durante toda a tempada.
O alevín masculino, campión galego tras un torneo impecable
O gran protagonista da fin de semana foi o equipo alevín masculino do CW Santiago, que se proclamou Campión Galego de Verán despois de completar un campionato practicamente perfecto e de superar a todos os seus rivais nun torneo de enorme esixencia.
Os santiagueses comezaron a competición encadrados no Grupo B, onde remataron como líderes tras sumar tres vitorias consecutivas. Na estrea impuxéronse ao CW Coruña por 12-4, posteriormente derrotaron ao RCN Vigo A por 7-5 nun encontro moi disputado, e pecharon a fase de grupos cunha contundente vitoria por 13-3 ante o CW Lugo.
Xa na fase eliminatoria, os composteláns tiveron que afrontar un duelo fratricida nos cuartos de final fronte ao CW Santiago feminino. O equipo masculino impuxo o seu ritmo de xogo para levarse a vitoria por 11-3 e asegurar o pase ás semifinais.
Na antesala da final esperaba novamente o CW Coruña, que puxo en moitas dificultades aos santiagueses. Nun partido moi igualado e emocionante, o CW Santiago conseguiu unha valiosa vitoria por 11-9 que lle daba acceso á gran final.
No encontro polo título volvía aparecer no camiño o RCN Vigo A. A final respondeu ás expectativas e estivo marcada pola igualdade, a intensidade e a emoción ata os últimos segundos. Finalmente, os composteláns lograron impoñerse por un axustado 5-4 para coroar unha extraordinaria actuación e proclamarse campións galegos.
Este novo éxito supón un premio ao esforzo, compromiso e evolución dun grupo que leva varias tempadas demostrando o gran nivel da canteira santiaguesa e que continúa sumando éxitos para o club.
O alevín feminino deixa grandes sensacións

Pola súa banda, o equipo alevín feminino finalizou na oitava posición, un resultado que non reflicte completamente o bo nivel mostrado polas xogadoras ao longo do campionato.
As santiaguesas quedaron encadradas no Grupo A, onde se enfrontaron a rivais de gran entidade. Caeron ante o RCN Vigo B por 3-8, fronte ao CM Ferrol por 4-14 e diante do CW As Mariñas por 2-12. Estes resultados leváronas ao cruce de cuartos de final, onde se mediron ao equipo masculino do propio club, cedendo por 3-11.
Na loita polos postos do quinto ao oitavo, o CW Santiago feminino caeu primeiro ante o Marina Ferrol por 3-9 e posteriormente fronte ao CW Lugo por 5-12 no encontro pola sétima praza.
Máis aló da clasificación final, o torneo deixa unha lectura moi positiva para o conxunto compostelán. As xogadoras demostraron intensidade, compromiso, capacidade de traballo e unha gran progresión ao longo da tempada, deixando entrever un futuro moi prometedor para esta xeración. A experiencia acumulada nesta competición será, sen dúbida, unha valiosa aprendizaxe para seguir medrando nos próximos anos.
Subcampionato galego para o combinado benxamín

O Campionato Galego Benxamín Mixto tamén se disputou durante a mesma fin de semana nas instalacións de Lieiro. Nesta competición, o Club Waterpolo Santiago participou formando combinado co CW As Mariñas, acadando unha brillante segunda posición.
O formato do campionato contou con dous únicos participantes, o combinado CW As Mariñas–CW Santiago e o RCN Vigo, que disputaron dous encontros para decidir o título.
Ambos partidos estiveron marcados pola igualdade e pola gran emoción, contando ademais cun importante respaldo do público presente nas bancadas. No primeiro encontro, o conxunto vigués impúxose por un axustado 5-3. No segundo partido, os máis pequenos ofreceron unha magnífica imaxe e lograron un meritorio empate 8-8.
Con estes resultados, o RCN Vigo proclamouse campión galego, mentres que o combinado formado por xogadores do CW Santiago e do CW As Mariñas acadou unha excelente segunda posición, demostrando unha vez máis o gran futuro que ten o waterpolo de base galego.
Unha fin de semana para celebrar o traballo da canteira
O balance final da fin de semana non pode ser máis positivo para o Club Waterpolo Santiago. Un título galego, un subcampionato e a participación competitiva do equipo feminino confirman o excelente momento que atravesa a base do club compostelán.
Os resultados acadados en Cervo son a recompensa ao esforzo diario dos xogadores e xogadoras, do corpo técnico, das familias e de todas as persoas que traballan para seguir facendo medrar o waterpolo en Santiago. Un novo éxito colectivo que consolida ao CW Santiago como unha das referencias do waterpolo galego de formación e que invita a mirar ao futuro con ilusión e optimismo.


