O combinado benxamín formado por xogadores e xogadoras do CW As Mariñas e do Club Waterpolo Santiago acadou unha brillante segunda posición no Campionato Galego Benxamín Mixto de Verán disputado en Cervo.

A competición contou cun formato especial no que os dous participantes, o RCN Vigo e o combinado As Mariñas–Santiago, disputaron dous encontros para decidir o título autonómico.
Os partidos estiveron marcados pola igualdade, a emoción e o entusiasmo propio destas categorías de formación. No primeiro encontro, o combinado loitou ata o final pero acabou cedendo por un axustado 5-3 ante o conxunto vigués.
No segundo partido, os máis pequenos ofreceron unha magnífica actuación e lograron un valioso empate a oito goles, nun encontro moi disputado que fixo gozar ao numeroso público presente nas bancadas.
Finalmente, o RCN Vigo proclamouse campión galego, mentres que o combinado formado por xogadores do CW As Mariñas e do CW Santiago acadou unha meritoria segunda posición.
Máis aló dos resultados, a fin de semana serviu para seguir acumulando experiencia competitiva, reforzar a formación dos máis pequenos e continuar construíndo o futuro do waterpolo galego desde a base.

