O equipo alevín masculino do Club Waterpolo Santiago puxo o broche de ouro á tempada ao proclamarse Campión Galego Alevín de Verán no campionato disputado esta fin de semana na piscina de Lieiro, en Cervo.
📋 Convocatoria
1. Leo Capón
2. Martín Monteagudo
3. Daniel Suárez
4. Daniel Hernández
5. Jacobo Dios
6. Lorenzo Castro
7. Rodrigo Conseil
8. Thiago Sánchez
9. Daniel Insua
10. Leo Mata
11. Nico Villaverde
Os santiagueses completaron un torneo impecable, demostrando desde o primeiro encontro o gran nivel competitivo que os acompañou durante toda a tempada. Na fase de grupos, encadrados no Grupo B, acadaron o liderado tras superar ao CW Coruña (12-4), ao RCN Vigo A (7-5) e ao CW Lugo (13-3), asegurando así o pase á fase eliminatoria como primeiros clasificados.
Nos cuartos de final tocou vivir un encontro especial ante as compañeiras do CW Santiago feminino. Os rapaces impuxeron o seu ritmo de xogo para levarse a vitoria por 11-3 e avanzar ás semifinais.
Na seguinte rolda esperaba novamente o CW Coruña. Nun duelo moito máis igualado do que reflectía o resultado da fase de grupos, os composteláns tiveron que sacar a súa mellor versión para impoñerse por 11-9 e lograr o billete para a gran final.
No partido polo título volvía aparecer no camiño o RCN Vigo A. A final respondeu ás expectativas e estivo marcada pola intensidade, a emoción e a igualdade ata os últimos instantes. Finalmente, o CW Santiago conseguiu unha valiosa vitoria por 5-4 para proclamarse campión galego e culminar unha fin de semana inesquecible.
Este título supón o premio ao esforzo e ao traballo realizado durante toda a tempada por un grupo de xogadores que continúa facendo historia para a canteira do Club Waterpolo Santiago.
O ALEVÍN FEMININO DO CW SANTIAGO SEGUE MEDRANDO EN CERVO
Máis aló da clasificación final, o equipo alevín feminino do Club Waterpolo Santiago deixou moi boas sensacións durante a disputa do Campionato Galego Alevín Mixto de Verán celebrado en Cervo.
As xogadoras santiaguesas afrontaban unha nova experiencia competitiva ante algúns dos mellores equipos galegos da categoría, demostrando ao longo de toda a fin de semana compromiso, esforzo e unha gran actitude dentro da auga.
1. Adela Cajaraville
2. Celia Domínguez
3. Gabriela Brión
5. Naira Pinaque
6. Lía Barbeito
7. Vera Taladrid
9. Xiana Carballo
10. Lucía López
Na fase de grupos, o CW Santiago quedou encadrado no Grupo A, onde se enfrontou ao RCN Vigo B (3-8), ao CM Ferrol (4-14) e ao CW As Mariñas (2-12). A pesar dos resultados, as compostelás non deixaron de competir en ningún momento e continuaron mostrando a progresión experimentada ao longo da tempada.
Nos cuartos de final, o destino quixo que se cruzasen co equipo masculino do propio club. As rapazas plantaron cara durante moitos momentos do encontro, aínda que finalmente cederon por 3-11.
Xa na loita polos postos do quinto ao oitavo, o CW Santiago enfrontouse ao Marina Ferrol, caendo por 3-9. No último partido do campionato, correspondente á disputa da sétima praza, as santiaguesas loitaron ata o final fronte ao CW Lugo, que acabou impoñéndose por 5-12.
A oitava posición final non debe ocultar o gran traballo realizado por este grupo de xogadoras. A intensidade mostrada, a ilusión coa que afrontaron cada encontro e a súa constante evolución permiten mirar ao futuro con optimismo e confianza nun equipo que segue dando pasos adiante.




