O equipo absoluto masculino do CW Santiago despediu a competición ligueira cunha vitoria por 16-10 diante da súa afección na piscina de Santa Isabel.
Co subcampionato galego xa asegurado antes do encontro, o corpo técnico aproveitou a cita para repartir minutos entre todos os xogadores do cadro e seguir fortalecendo o grupo de cara aos próximos retos. O equipo respondeu cun encontro serio e efectivo que lle permitiu controlar o marcador durante boa parte do partido.
A vitoria serve para pechar unha tempada moi destacada para o waterpolo santiagués. O conxunto compostelán finaliza a Liga Galega de División de Honra na segunda posición e suma ademais a conquista da Copa Galega Absoluta Masculina, acadada meses atrás tras superar ao CW Pontevedra na gran final. Uns resultados que confirman o crecemento deportivo do club e o excelente traballo realizado ao longo de toda a campaña.

