O pasado domingo, o equipo xuvenil do Club Waterpolo Santiago abriu unha intensa xornada de competición en Vigo cun partido que, máis alá do marcador, deixa motivos para o optimismo e a confianza no futuro do equipo.
Con un cadro formado maioritariamente por xogadores cadetes e infantís, os santiagueses deron un paso adiante enfrontándose con valentía a un rival fisicamente máis potente. Durante os tres primeiros períodos, o CW Santiago amosou un excelente nivel defensivo, xogando con intensidade, orde e un gran compromiso colectivo.

A xuventude do equipo non foi un impedimento para competir de ti a ti durante boa parte do encontro, demostrando carácter e actitude ante a presión do rival. Aínda que no último cuarto o desgaste físico permitiu ao conxunto local ampliar distancias ata o 18-6 final, o resultado non eclipsa o gran traballo realizado polos nosos xogadores.
Este partido supón un novo paso na formación dun equipo cun futuro prometedor. A experiencia adquirida e a actitude mostrada reforzan a liña de crecemento que segue marcando o proxecto do Club Waterpolo Santiago.

