Nova fin de semana cargada de encontros para os equipos do Club Waterpolo Santiago, cunha auténtica maratón de partidos tanto en Santa Isabel como nos desprazamentos a Coruña. Os santiagueses disputaron unha ampla programación de encontros en diferentes categorías, sumando varias actuacións destacadas e dúas importantes vitorias no peche da xornada.
A actividade comezou o sábado coa visita do RCN Vigo ás instalacións de Santa Isabel. A xornada deixou un balance complicado para os locais, con tres derrotas e un empate no último encontro do día.
O primeiro partido disputouse na categoría alevín, onde o CW Santiago B caeu derrotado por 2-12. O conxunto vigués impuxo o seu ritmo desde o inicio e, malia o esforzo dos locais, acabou levando unha vitoria clara.
Na categoría infantil, o CW Santiago La Merenguela realizou un bo comezo fronte ao segundo clasificado da liga, competindo de ti a ti durante os primeiros minutos. Porén, os erros ofensivos e algúns despistes defensivos permitiron aos visitantes abrir diferenzas no marcador ata establecer o definitivo 4-9.
O terceiro encontro correspondeu á categoría cadete mixta, cun RCN Vigo moi superior desde o inicio, que acabou vencendo con claridade por 4-19.
A xornada do sábado pechouse co duelo da División de Honra feminina, no que CW Santiago e RCN Vigo se xogaban a segunda posición da clasificación. Tal e como se agardaba, o encontro foi moi igualado durante os catro períodos e rematou cun empate 6-6, resultado que permite ás viguesas manter esa segunda praza.
O domingo continuou a intensa actividade cunha dobre xornada para os equipos santiagueses. Pola mañá disputáronse catro encontros en Santa Isabel, cun balance dunha vitoria e tres derrotas.
O primeiro duelo enfrontou ao CW Santiago B co CW Pontevedra Turuqoa en categoría alevín, cun triunfo visitante por 6-11. A pesar do resultado, os máis novos ofreceron unha boa imaxe, loitando ata o final sen baixar os brazos.
No segundo encontro da mañá, tamén en categoría alevín, o CW Pontevedra Teucro impúxose por 7-16. Os santiagueses mantiveron o partido igualado durante os dous primeiros cuartos, pero un forte parcial dos visitantes no terceiro período acabou sendo decisivo.
A alegría local chegou na categoría infantil, onde o CW Santiago B venceu con claridade ao CW Pontevedra Boa Vila por 14-4. O equipo santiagués dominou o encontro desde o inicio, ampliando diferenzas en cada cuarto ata conseguir unha merecida vitoria.
Na categoría cadete masculina, o CW Pontevedra levou o triunfo por 6-11. Un mal inicio dos locais permitiu aos visitantes abrir unha renda de cinco goles que os santiagueses non puideron recuperar, malia mellorar notablemente no aspecto defensivo durante a segunda metade.
Xa pola tarde, os equipos desprazáronse á Coruña para disputar os dous últimos encontros da fin de semana fronte ao ACW, ambos resoltos con cómodas vitorias santiaguesas.
Na categoría infantil, o CW Santiago venceu por un contundente 0-10 nun partido que quedou practicamente decidido no segundo cuarto, permitindo ademais repartir minutos entre todos os xogadores.
Para pechar a intensa fin de semana, o equipo cadete sumou unha nova vitoria por 10-1 nun encontro cómodo que serviu para que os xogadores máis novos continúen gañando experiencia competitiva.

