O waterpolo santiagués despídese das ligas cunha exhibición de resultados

O CW Santiago pecha a competición ligueira cunha gran fin de semana marcada polos bos resultados de todas as categorías

O Club Waterpolo Santiago puxo o broche final ás ligas galegas cun intenso fin de semana de competición no que os equipos composteláns disputaron un total de doce encontros, repartidos entre a piscina de Santa Isabel e o desprazamento á Coruña. O balance non puido ser máis positivo, con once vitorias e unha única derrota, confirmando o excelente momento deportivo que atravesa a entidade santiaguesa.

Santa Isabel viviu unha auténtica maratón de waterpolo

A primeira das xornadas celebrouse nas instalacións de Santa Isabel, onde se disputaron oito encontros ao longo de todo o día.

A sesión matinal abriu coa vitoria do equipo alevín A fronte ao CW Coruña por 11-1. Os santiagueses deixaron o partido moi encamiñado desde os primeiros minutos, cun gran inicio que lles permitiu adquirir unha ampla vantaxe. O encontro serviu tamén para que os xogadores con menos minutos seguisen acumulando experiencia competitiva.

A continuación chegou a quenda do infantil B, que tamén superou con claridade ao conxunto coruñés por 13-4. Os locais dominaron tanto o ritmo de xogo como o marcador durante todo o encontro, mostrando unha gran solidez nas dúas áreas.

O terceiro partido da mañá enfrontou aos dous equipos infantís do club nun atractivo derbi interno. O CW Santiago La Merenguela impúxose por 10-6 ao CW Santiago B nun encontro moi igualado durante boa parte do tempo regulamentario. Os da Merenguela lograron romper a igualdade nos cuartos e quintos períodos para acabar certificando unha vitoria que lles permitiu devolver a derrota sufrida no encontro da primeira volta.

A sesión matinal pechouse co duelo da División de Honra feminina. As xogadoras compostelás volveron demostrar o seu potencial cunha contundente vitoria por 24-1 fronte ao CW Coruña. O encontro estivo dominado de principio a fin polas santiaguesas, que mantiveron un elevado nivel de intensidade tanto en defensa como en ataque.

Xa pola tarde chegou a única derrota da fin de semana. O alevín B realizou un gran encontro ante o CW Coruña, pero acabou cedendo por un axustado 8-10. A diferenza física dos visitantes acabou sendo determinante nun partido moi competido e disputado ata os últimos minutos.

O infantil La Merenguela regresou posteriormente á piscina para enfrontarse novamente ao conxunto coruñés, logrando unha brillante vitoria por 11-1. A excelente defensa dos santiagueses e a súa eficacia ofensiva permitíronlles dominar con claridade o encontro e asegurar a terceira posición final na clasificación ligueira.

O equipo cadete tamén sumou unha nova vitoria tras superar ao CW Coruña por un contundente 26-2. O encontro quedou practicamente resolto xa no primeiro período, no que os locais abriron unha ampla diferenza que permitiu ao corpo técnico probar diferentes variantes de xogo de cara aos próximos compromisos.

A xornada concluíu co encontro da División de Honra masculina. Co subcampionato galego xa asegurado e coa Copa Galega conquistada meses atrás, o equipo absoluto masculino despediu a liga cun triunfo por 16-10. O encontro permitiu repartir minutos entre todos os xogadores e pechar a competición cun gran sabor de boca tras unha tempada moi destacada.

Pleno de vitorias na última saída da tempada

O peche definitivo das ligas galegas chegou coa visita á Coruña para disputar catro encontros máis, todos eles resoltos con vitoria compostelá.

O primeiro duelo correspondeu á categoría alevín. O CW Santiago impúxose ao CW Coruña por 12-15 nun encontro intenso e con moito ritmo. Os santiagueses mostraron unha gran eficacia ofensiva, aínda que concederon máis facilidades defensivas das habituais, o que provocou que o resultado fose máis axustado do previsto.

Na categoría infantil, o CW Santiago B venceu con autoridade ao seu rival coruñés por 3-13. Os composteláns marcaron diferenzas desde os primeiros minutos grazas ao seu acerto ofensivo e á súa seriedade defensiva, resultado que lles permitiu finalizar a competición nunha meritoria cuarta posición.

O encontro cadete non deu opción á sorpresa. O CW Santiago mostrou unha clara superioridade e impúxose por un contundente 1-31, nun partido dominado completamente polos visitantes.

A última cita ligueira da tempada correspondeu novamente ao infantil B, que se mediu ao ACW. Os santiagueses despediron a competición cunha nova vitoria por 3-13, nun encontro que serviu para continuar acumulando experiencia e minutos de xogo para os deportistas menos habituais.

Un gran peche para unha tempada para lembrar

Con estes resultados, o Club Waterpolo Santiago pon punto e final ás ligas galegas cun balance moi positivo en todas as categorías. O subcampionato da División de Honra masculina, o título da Copa Galega Absoluta Masculina, o excelente rendemento da División de Honra feminina e a progresión constante dos equipos de base confirman o bo traballo realizado durante toda a tempada por xogadores, xogadoras, adestradores e familias.

A entidade compostelá continúa consolidándose como unha das referencias do waterpolo galego, cun proxecto deportivo que segue medrando ano tras ano tanto en resultados como en formación.

Publicado por

Descoñecido's avatar

Club Waterpolo Santiago

Blog oficial do Club Waterpolo Santiago

Deixar un comentario