O Alevín A do CW Santiago puxo o broche final á competición ligueira cun pleno de vitorias nos seus dous últimos encontros da tempada. Os santiagueses impuxéronse primeiro ao CW Coruña por 11-1 en Santa Isabel nun partido que quedou practicamente resolto desde os primeiros minutos grazas ao gran inicio dos locais.
Xa na derradeira xornada disputada na Coruña, os composteláns volveron sumar os tres puntos tras vencer por 12-15 nun encontro máis aberto do esperado. A gran eficacia ofensiva permitiu ao equipo manter sempre a iniciativa no marcador e despedir a liga cun novo triunfo.
Máis aló dos resultados, o equipo continúa demostrando unha notable progresión durante toda a tempada, consolidándose como un dos conxuntos con maior proxección dentro do waterpolo galego de base.
ALEVÍN B | Competitividade e aprendizaxe ata o último partido
O Alevín B do CW Santiago pechou a súa participación ligueira cun encontro moi disputado fronte ao CW Coruña. Os santiagueses realizaron un gran partido e competiron de igual a igual durante moitos minutos, chegando con opcións aos compases finais.
Finalmente, a maior capacidade física dos visitantes acabou marcando diferenzas nos momentos decisivos para establecer o definitivo 8-10. A pesar da derrota, o equipo deixou unha magnífica imaxe e volveu demostrar a evolución experimentada ao longo da tempada.
Os xogadores e xogadoras continúan acumulando experiencia e formación competitiva, aspectos fundamentais nestas etapas iniciais do seu desenvolvemento deportivo.

